Xacemento ao ar libre de Coto Fenteira


Descrición:
Antes de nada hai que ter en conta que nesta zona xa foran localizados máis restos cerámicos e líticos en traballos de prospección anteriores (R. FABREGAS-1997) polo que non cabe dúbida de que estamos ante un xacemento prehistórico ao ar libre (tampouco debe ser esquecida a presenza no entorno máis inmediato doutros xacementos arqueolóxicos significativos: varios Petróglifos e un túmulo).

Establecéronse tres areas de dispersión no S e SE da base de Coto Fenteira:

-Area 1: situada na zona S e E da explanación; trátanse dos desterres dos camiños adxacentes ao campo; rexistráronse trece fragmentos cerámicos lisos de pequeno tamaño e moi rodados; tamén o fragmento dun posible machado puído de gran tamaño (anfibolita?) e unha peza de granito puído de forma trilobulada. Todo isto nun área de aprox. 100 m.

-Area 2: situada na zona NNW do campo do fútbol; trátase dos desterres das pistas adxacentes ao campo e dos desmontes feitos para achandar a zona; rexistráronse seis fragmentos cerámicos lisos (un fondo) e moi rodados, nun área de 30-40 m. lineais.

-Area 3: situada nunha pista, xunto a un pequeno coto rochoso, ao SW da explanación do campo de fútbol (a uns 150 m.) e orientada á Ría de Vigo; aquí foi localizado o material máis interesante e claramente prehistórico: un fragmento decorado de cerámica campaniforme, outra peza pertencente a un borde de labio apuntado, un terceiro fragmento liso e un posible núcleo de sílex branco (ou semellante).

A vista dos resultados expostos, cremos que o “núcleo” principal do xacemento podería estar emprazado no pequeno esporón onde se sitúa a construción dunha vivenda en Coto Fenteira.

Créditos