Petróglifo de Poza da Lagoa 1


Descrición:
Este conxunto esta formado por cinco pedras, moi próximas entre si. A P2, P3, P4 e P5 forman parte do grupo I de Poza da Lagoa de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía).

PEDRA 1: situada a 19 m. ao E do Petróglifo de Poza da Lagoa-II (GA36045019). Rocha granítica de superficie lisa, situada a ras de chan nun plano horizontal. Dentro do emprazamento xeral antes sinalado, esta pedra está situada nun pequeno rechao. Medidas máximas da laxe: 1.60 (N-S) por 2 m. (E-W). Os gravados están moi pouco visibles. Semella tratarse do grupo 6 de Poza da Lagoa de Costas/Domínguez/Rodríguez -1990 -91 (ver bibliografía). Rexistráronse dous conxuntos de motivos: - Conxunto nº 1: circunferencia de forma "irregular" duns 50 cm. de diámetro con dúas coviñas no seu interior de 3 e 4 cm. - Conxunto nº 2: conxunto de cinco cazoletas situadas ao NW do conxunto anterior; diámetros: 4, 4, 5, 6 e 8 cm.

PEDRA 2: Situada a uns 10 m. ao SE da P1. Rocha granítica de superficie irregular convexa, situada a ras de chan nun plano horizontal. Dentro do emprazamento xeral antes sinalado, esta pedra disponse noutro pequeno rechao situado mais arriba que o da P1, xunto a bagoada da Poza da Lagoa. Medidas máximas da laxe: 1.75 (N-S) por 1.60 m. (E-W). Os gravados ocupan unha zona avultada da rocha de 35 (N-S) por 32 cm. (E-W) e están remarcados (repicado). Rexistráronse tres motivos: - Motivo nº 1: cruciforme con base "pseudocircular" (22 por 10 cm.). - Motivo nº 2: situado inmediatamente ao S do anterior; cruciforme con base triangular enmarcado por outros dous trazos (20 por 8 cm.). - Motivo nº 3: figura "pectiforme" con seis dentes (20 por 9 cm.).

 

PEDRA 3: Situada uns 2.50 m. ao NE da P2. Rocha granítica de superficie lisa (algo irregular en zonas), situada a ras de chan nun plano horizontal. Dentro do emprazamento xeral antes sinalado, esta pedra disponse no mesmo rechao que a P2, se ben máis orientado á bagoada da Poza da Lagoa. Medidas máximas da laxe: 2.30 (N-S) por 1,50 m, (E-W). Os gravados. A penas son visibles, ocupan unha superficie de aprox. 75 (N-S) por 60 cm. (E-W) Descrición: as referencias bibliográficas falan da presenza dun reticulado, trazos curvos e unha cazoleta, pero so esta última (de 8 cm. de diámetro) puido ser rexistrada con claridade, do resto so se aprecian sucos sen que formen ningunha figura recoñecible.

PEDRA 4: Situada uns 2.50 m. ao SE da P3. Rocha granítica de superficie irregular redondeada convexa, situada a ras de chan nun plano horizontal. O emprazamento é similar ao da pedra anterior, pero esta atópase pegada a un camiño de terra bastante transitado. Medidas máximas da laxe: 3.50 (N-S) por 2.35 m. (E-W). Foron localizados dous motivos (pouco visibles): - Motivo nº 1: círculo de 33 cm. de diámetro con outro de menor tamaño (10 cm.) no seu interior (non exactamente no centro) do que parte un apéndice, en dirección NE, de 34 cm. de lonxitude; tamén dentro do círculo grande, situadas na súa parte N, hai polo menos cinco coviñas duns 3 cm. de diámetro e no centro do máis pequeno unha cazoleta máis do mesmo tamaño cas anteriores. - Motivo nº 2: situado a 1 m. ao NE do anterior; cadrado de esquinas redondeadas, de 22 por 18 cm., cunha cazoleta central de 2 cm. de diámetro.

 

 PEDRA 5: Situada a uns 5 m. ao N da P4. Rocha granítica de superficie lisa, situada a uns 12 cm. do nivel do chan nun plano inclinado (seguindo a caída natural do terreo). A pedra presenta cortes rectos na parte S e W produto de antigos traballos de cantería. O emprazamento é similar ao da pedra anterior, pero esta atópase na beira N da bagoada. Medidas máximas da laxe: 5.60 (N-S) por 4.50 m. (E-W). Os gravados, moi erosionados, ocupan unha superficie de 52 (N-S) por 20 cm. (E-W). Rexistrouse un único motivo consistente nunha liña de tendencia curva, duns 50 cm. de lonxitude, á que se xuntan tres trazos curtos (de 17, 20 e 22 cm.) e outro elíptico cun suco recto no seu interior duns 18 cm.; o conxunto esta "inscrito" entre varias fenda s naturais da rocha.

Créditos