Petróglifos do Coto da Rola 1


Descrición:
Conxunto formado por dúas rochas gravadas.

PEDRA 1: Trátase dunha rocha de granito, a ras de chan, situada no comezo da caída E dun pequeno coto granítico, orientado cara a unha depresión e emprazado a súa vez entre outros dous cotos rochosos (a E e W) mais grandes. Consta dun único motivo: tres círculos concéntricos (35 cm. de diámetro) con catro cazoletas centrais (de 3 cm.); a escasos cm. ao N, e case tocando o círculo exterior, hai outra cazoleta de 8 cm. de diámetro. É posible que o motivo circular e a cazoleta estean unidos por un apéndice radial, pero a mala visibilidade e a erosión impiden confirmar este dato.

PEDRA 2: Adxacente, polo SSE, a P1 (os motivos teñen unha separación de 3.10 m.); en realidade, é un mesmo afloramento separado por unha gran fenda natural, polo tanto o emprazamento é igual que no caso anterior. Trátase dunha rocha granítica cun plano bastante inclinado (o motivo está situado case en posición vertical).

Consta dun único motivo: grupo de quince cazoletas (de entra 3-5 cm. de diámetro cada unha) que forman unha combinación pseudocircular de aprox. 50 cm. de diámetro; a conservación das cazoletas é media-boa.

Créditos