Petróglifos de Coto do Corno 1


Descrición:
Conxunto conformado por dúas rochas gravadas que non ten nada que ver co catalogado por F. López Cuevillas no seu traballo “As insculturas do Coto do Corno (Nós, nº 64 /15-01-29/ pp. 60-63).

- PEDRA 1: Situada a 21 m. ao NE da P1 do GA3545028 (Coutada do Corno II), está a ras de chan. A pesar de que o estado de conservación dos gravados é bastante bo, hai zonas con un proceso de deterioro por erosión evidente (moitos musgos e liques). Esta pedra correspóndese co denominado grupo VII de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Os motivos (polo menos sete) ocupan case a totalidade da pedra. Destaca entre todos a presenza dunha gran combinación circular composta de 6-7 círculos concéntricos incompletos (uns 70 cm. de diámetro) con cazoleta central e coviñas; este motivo únese a outras figuras circulares simples con coviñas por medio de linas rectas e curvas. Finalmente salientar a presenza de polo menos outros dous motivos circulares simples (aprox. de 25 e 50 cm. de diámetro) con cazoletas no seu interior, tres cazoletas máis de maior tamaño e un círculo incompleto (duns 20 cm. de diámetro) cuxos extremos rematan en dúas pequenas coviñas.

 - PEDRA 2: É unha pedra de granito, de 5.60 por 2.50 m., de forma pseudotriangular, e situada a 2 m. ao E da P1. Está moi cuberta de musgo e vexetación (toxo) e segue a inclinación natural do terreo (cara ao N). Conta con dous conxuntos de motivos: - Conxunto nº 1: formado por unha serie de gravados difíciles de identificar (un cérvido); a superficie gravada é de 40 (N-S) por 25 cm. (E-W). - Conxunto nº 2: con dúas cazoletas rectangulares (unha delas cunha pequena coviña circular no centro) de aprox. 20 por 15 cm. e 18 por 11 cm., que contan cuns rebaixes laterais semicirculares que están case desaparecidos. Este conxunto é o denominado grupo VI de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía).

Créditos