Petróglifos de Coto do Corno 2


Descrición:
Conxunto conformado por tres rochas gravadas que non ten nada que ver co catalogado por F. López Cuevillas no seu traballo “As insculturas do Coto do Corno (Nós, nº 64 /15-01-29/ pp. 60-63).

- PEDRA 1: Pedra que sobresae do terreo uns 50 cm., cuberta de liques, musgo e rodeada de vexetación baixa (toxo, silva). Situada a uns 5 m. ao NW dunha torre de alta tensión. Correspóndese co denominado grupo I de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Consta de dous motivos: - Motivo nº1: Combinación de dous círculos concéntricos completos e un incompleto (29 cm. de diámetro máximo); cun apéndice lonxitudinal duns 10 cm. no exterior e nove cazoletas no interior. O estado de conservación é regular. - Motivo nº 2: situado uns 34 cm. ao NW do nº 1; grupo de sete cazoletas que forman unha especie de círculo duns 15 cm. de diámetro máximo. Uns 60 cm. ao NW hai un rebaixe circular duns 13 cm. de diámetro.

- PEDRA 2: Situada a 1.50 m. ao N de P1, é unha pena de granito que sobresae uns 80 cm. do chan e está partida como resultado de labores de cantería. Está cuberta de liques e musgos e rodeada de vexetación baixa (toxo, silva) e pequenos piñeiros. Esta pedra semella corresponder ao grupo II de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Ten un único motivo incompleto (recordar que a rocha está fracturada) que semella ser unha figura pseudocircular (duns 34 cm. de diámetro) chea de pequenas coviñas e da que parece saír un pequeno apéndice que se bifurca. Ao carón N semella haber outro pequeno pseudocírculo tamén cheo de cazoletas.

 - Pedra3: situada ao carón N da P2, é un bloque exento de granito (0-80 m. sobre o nivel do chan) que está moi rodeada de vexetación. Esta pedra podería ser o grupo III de Monte Penide de Costas Goberna-1985 (ver bibliografía). Ten un único motivo que ocupa toda a pedra: un círculo de aprox. 45 cm.de diámetro (xa que está rota), con multitude de coviñas no seu interior (en torno a 50). A bibliografía cita na área inmediata ás descritas dúas pedras máis (grupos IV e V de M. Penide de Costas Goberna-1985) con motivos circulares e coviñas que non foron localizadas (a zona está moi alterada pola instalación das torres eléctricas).

Créditos