Castro de Coto de Negros


Descrición:
Certas referencias bibliográficas falan xa da existencia de defensas pola zona occidental do monte, algún socalco ao carón do camiño de acceso ao cumio e unha acumulación de terra e pedras que se ben poderían ser produto do desmonte feito para encher o camiño, non hai que descartar para nada a posibilidade de que fosen restos dunha defensa artificial agora moi alterada polo trazado da pista.

No camiño occidental apareceron numerosos fragmentos de cerámica (común, ánfora, tégula...).

Vista do Castro de Negros

 

En canto á parte superior (croa de aprox. 75 x 50 m.), que está chea de penedos graníticos (igual que o resto do monte), atópase moi alterada pola instalación dunha torre de alta tensión e outra de telefonía móbil; ademais está todo moi cuberto de vexetación de monte baixo (toxo) e algúns eucaliptos de gran tamaño.

 

Hai que salientar que a pesar desa vexetación foi posible rexistrar un pequeno furado no que é posible ver parte dun muro de pedra: evidentemente parece tratarse dos restos dunha vivenda, dunha muralla ou outro tipo de arquitectura. Nesa mesma zona hai unha pequena elevación ou alteración do terreo que podería ser de orixe artificial.

 

Hai que salientar que por toda a parte superior e ladeira meridional do coto hai unha gran cantidade de pedras soltas que puideran ser as evidencias de murallas agora desmanteladas (tampouco debe ser esquecido que a abundancia de penedos favoreceu a existencia de numerosísimas canteiras por todo o monte).

 

Polo seu emprazamento e topografía o monte presenta unhas defensas naturais idóneas e so a zona por onde discorre o camiño de acceso a cima (area S e SW) é a menos protexida de forma natural: por aquí é onde se rexistraron as únicas alteracións artificiais (posible parapeto e socalcos). Por outra banda, en canto aos petróglifos que existen na croa, non foron localizados por mor da vexetación.

 

Créditos