Petróglifo de Coto de Negros 6

Penedo exento atopado nun parapeto ao N do Castro de Negros.

Trátase dunha rocha desprazada á parte superior do parapeto que circunda a zona N e NO do Castro. Un penedo caído das abas e desprazado logo cara este lugar, neste intre aparece semisoterrado no parapeto.

Altura 1.20 m.; anchura 0.87 m.; e 0.65 de grosor.

Ten forma ovoide cun “pezón” destacado na parte superior. Este abultamento natural da rocha, orientado mirando cara ao castro, está enmarcado por diferentes trazos e liñas que rodean a rocha nalgún caso. Un trazo profundo en forma de media lúa ou crecente luar rodea a protuberancia natural, destacando este avultamento. Por debaixo ata catro liñas paralelas, pero non equidistantes, rodean a pedra e xiran facendo un debuxo indefinido. Pola traseira da pedra (a parte que da ao N) aparecen varios trazos que a rodean, contamos ata 6 liñas, ata a parte que aparece semisoterrada. Os trazos de gravado son máis anchos e profundos cos trazos dos petróglifos do Bronce Antigo.

 

A existencia dunha torre eléctrica achegada (a uns 20 m. ao N) e dun camiño situado sobre o foxo do Castro, que puidese ter sido reformado recentemente para a colocación da torre, fixo que se considerase a posibilidade de que a pedra fose desprazada a este lugar mediante unha escavadora e que as marcas derivasen da acción dos dentes da máquina no efecto do seu desprazamento. En contraposición desto, o feito de que as liñas non sexan paralelas (como ocorrería no caso de dentes de máquina escavadora); de que rodeen o “pezón” natural da parte superior do penedo; de que rodeen ademais a rocha por completo e que algún deles de a volta pola cara principal, mirando cara ao Castro; e ademais o feito de que non aparezan outras rochas con semellantes marcas entre as colocadas no parapeto, non resulta casual e apunta a unha factura intencionada.

 

A consulta a diferentes investigadores e investigadoras para coñecer a súa opinión: Ramón Fábregas, Catedrático de Prehistoria da USC; Manuel Rey, Director do Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro; e Josefa Rey, profesora de Prehistoria da USC e especializada en Castrexo, entre outros, que se desprazaron ata o lugar e que amosaron a súa opinión de estar ante un resto prehistórico asociado co Castro de Negros parece confirmar a teoría da súa cronoloxía prehistórica.

 

Un Ídolo Menhir?, un penedo de demarcación territorial?; un gravado rupestre simbólico?...

 

Créditos