Localizacion e contorno

 

A PAISAXE

SITUACIÓN

Monte Penide/Monte Mirallo está situado na beira sur da ría de Vigo, no sueste do Concello de Redondela, e representa unha pequena cadea montañosa de escasa altura, de apenas 450 m nas cotas máis altas (Alto de Monte Penide e Alto de Trasmañó).

Vistas dende Coto Fenteira

 

Sitúase ademais no extremo norte da dorsal montañosa que rodea o val do Fragoso en forma de penechairas. Xunto co monte do Vixiador, representa o final dunha rede de camiños que comunican os cumios desta dorsal, camiños que baixan logo para a comunicación coa costa. Este terreo chan é ademais un lugar de paso natural entre o Val do Fragoso, onde se sitúa a cidade de Vigo na actualidade, e a depresión do Río Alvedosa (Redondela).

 

MIRADOIROS

Aínda que a dorsal montañosa teña escasa altura, o dominio visual sobre o seu contorno inmediato é moi destacable, creando miradoiros na dirección de todos os puntos cardinais. Podería dicirse que nos camiños que rodean o monte van sucedéndose todas as vistas sobre distancias de varios quilómetros.


Esta boa visibilidade foi aproveitada polas xentes da prehistoria que se instalaron ou gravaron as rochas en lugares destacados polo seu dominio visual sobre a contorna. Petróglifos de Campo da Rata, Alto da Porteliña, Poza da Lagoa, Coto do Corno, ou mesmo o Castro de Negros xa en datas “relativamente” máis recentes eran verdadeiros miradoiros en relación ao nacente, ao solpor, ou para o control das rutas de paso:

 

Miradoiro do Coto da Arca, con vistas sobre a Depresión do Alvedosa e Depresión Meridiana de Galicia.

Vistas dende o Coto da Arca

Miradoiro do Castro de Negros, on vistas sobre a depresión do río Maceiras (que coincide coa Depresión Meridiana de Galicia) e Monte Galleiro.

Vistas dende o Castro de Negros

Seguindo dirección ao Norte, no Coto do Corno, ou un chisco máis abaixo, no lugar coñecido como a Curva da Rata, temos vistas sobre a desembocadura do río Alvedosa, a cabeceira da Ría de Vigo e a Illa de San Simón.


Vistas dende o Coto do Corno

Seguindo ao Oeste, o Miradoiro de Poza da Lagoa e logo, máis abaixo, o de Coto Fenteira, con vistas cara á ría por completo e do estreito de Rande.
E seguindo cara ao Sudoeste, o miradoiro de Trasmañó, na Chan do Rato, con dominio visual sobre a faciana Sur da Ría.


Miradoiro de Trasmañó de Chan do Rato


ESPECIES NATURAIS

É característica de todo o cumio a formación de brañas, convertidas logo en lugares de nacemento de diferentes regatos que desembocan cara á ría de Vigo, como é o caso do río Fondón ou o das Cabras. En contraste, ten tamén unha acusada tendencia á seca nos períodos estivais.

No que atinxe ás especies naturais, a pesar de estar fortemente arraigadas as plantacións de eucaliptos e piñeirais (para a súa explotación comercial), consérvanse grandes áreas de bosque autóctono, formado sobre todo por carballos, castiñeiros e especialmente sobreiras (especie implantada e representativa de Monte Penide) que medran entre as plantacións de eucaliptos reclamando o seu lugar natural.

Esta masa arbórea destaca ademais por conter e manter un abano amplísimo de especies animais, aves (a maiores das especies máis comúns: miñatos, gaios, petos…); mamíferos (xabarís, raposos, mustélidos: teixugo, furón bravo, donicela…); réptiles (cobregóns, víboras…); anfibios (píntegas, sapos…), etc

 

AS PERSOAS

 

AS PARROQUIAS

A penechaira virxe de Monte Penide está rodeada por diferentes parroquias e núcleos de poboación, de leste a oeste: San Xoán de Cabeiro (735 habitantes, segundo o censo de 2005), Santo Estevo de Negros (514 hab.), Santo Andrés de Cedeira (2.074 hab.) e San Vicente de Trasmañó (1.044 hab.).

Estas parroquias presentan unha forma de hábitat disperso, típico das Rías Baixas galegas, que rodea por completo Monte Penide, dando como resultado que haxa moi poucas zonas sen edificacións no seu contorno inmediato.

 

AS COMUNIDADES DE MONTES

O espazo do monte está organizado e xestionado mediante Comunidades de Montes Veciñais, unha por cada parroquia, e pequenas coutadas de propiedade privada.

As Comunidades de Montes dedícanse á explotación dos recursos forestais e reinvisten parte das súas ganancias na creación de servizos parroquiais en forma de auditorios e casas da cultura (das que temos unha por cada parroquia), ente outros.

 

A ECONOMÍA

A poboación dedícase primordialmente ao sector secundario e terciario (fábricas e servizos de Vigo e bisbarra), deixando cada vez con menos peso o sector primario (pesca e agricultura).

A vocación pesqueira de Redondela dende o pasado queda testemuñada pola existencia neste contorno de casas de tipo mariñeiro, de pinchos altos con faiados para a almacenaxe das redes. Un arraigo importante das explotacións agrícolas queda amosado polos contos e historias populares que recordan como no alto de Penide se sucedían os campos de trigo ata datas recentes da nosa historia, este dato queda reflectido nos restos de lindes e balados dispersos polo monte e incluso situados entre as mámoas de Chan da Cruz (sobre todo na parte de Cabeiro). Habería que supoñer que esta explotación intensiva afectaría os xacementos do noso monte.

As explotacións agrícolas teñen tamén o seu reflicto na existencia de muíños, moi abundantes sobre o río Fondón, máis de 20, cunha xestión comunal.

A tendencia nos últimos anos é a de converterse nun lugar de dormitorio e residencial da cidade de Vigo, sobre todo, e Redondela. Isto acentúase polas boas vistas e o achegamento ao monte, que fan do lugar un sitio especial para o lecer, o deporte do sendeirismo, o footing e o gozo da natureza en xeral.

 

A AUGA

A abundancia de auga e, en contraste, a falla de saneamento e traída, fan que a veciñanza se organice ademais en comunidades de auga para aproveitar os recursos hídricos do monte.

 

A PEDRA

Outra das explotacións tradicionais sobre o monte é a da pedra; non hai lugar en Monte Penide que non se vise alterado pola extracción dos canteiros tradicionais, cousa que afectou, sobre maneira, as estruturas tumulares e a desaparición das cámaras megalíticas. A singularidade da construción en pedra diferencia os núcleos inmediatos de poboación: en Cabeiro as casas tradicionais construíronse con lousa de xisto primordialmente, en contraste en Trasmañó a construción é con cachote de granito.

 

A HISTORIA

 

PREHISTORIA MÁIS ANTIGA

A penechaira de Monte Penide conformouse como un lugar de paso dende a prehistoria, dando lugar á instalación de diferentes culturas ao longo do tempo e evolucionando con elas.

Hai achados paleolíticos en superficie moi dispersos, que testemuñan unha ocupación moi antiga do territorio, posiblemente dende o Paleolítico Inferior no período do Pleistoceno (hai máis de 100.000 anos). Máis visibles son os restos deixados polas comunidades prehistóricas máis recentes, que serán obxecto detallado deste Museo Virtual.

 

MEDIEVO E IDADE MODERNA

A historia do lugar vai parella, e da man, da historia dos dous núcleos de poboación inmediatos, Redondela (á que pertence territorialmente) e máis na actualidade Vigo.

Durante o medievo, as terras de Redondela, cos actuais concellos de Cangas e Vigo, pertencían ao arcebispado de Santiago. Vilavella, o pequeno enclave redondelán (aínda separado do núcleo principal) pertencía daquela ao bispado de Tui. Só a Parroquia de Cedeira figuraba como señorío diferente e dependente de propietarios nobres diversos.

A poboación destas parroquias veríase ademais afectada pola dinámica histórica das relacións sociais durante o Medievo e a Idade Moderna, ocasionada pola implantación do señorío durante o Alto Medievo, con todas as súas consecuencias de organización social vertical: impostos, levas, a fame e as pandemias, a emigración… Destacable nesta época o feito da Batalla Naval de Rande coas súas levas forzosas, a requisa de carros e produtos, a fuxida da poboación de Redondela cara ao monte inmediato…

 

ÉPOCA CONTEMPORÁNEA

Coa industrialización e a chegada dos fomentadores cataláns á ría de Vigo e a Redondela derívase nun troco na actividade e na tendencia das persoas que habitan no lugar cara a sectores de produción industriais, sobre todo conserveiras inmediatas de Redondela e máis adiante empresas manufactureiras de Vigo (sobre todo automoción).

 

COMO CHEGAR

 

DENDE REDONDELA (SUR):

Dende Redondela cóllese a estrada que vai ao aeroporto de Peinador; despois de aproximadamente 4 km., atópase un desvío á dereita que leva ao núcleo de Cabeiro. Logo de subir ata a última casa chégase a unha chaira onde se empraza un campo de fútbol no lugar coñecido como Portocabeiro (xa estariamos no noso contorno de Monte Penide/Monte Mirallo); uns 200 m despois hai unha encrucillada á dereita asfaltada que nos achega ata a necrópole tumular de Chan da Cruz, coa Mámoa do Rei como lugar central.

DENDE REDONDELA (NORTE):


Sinalética no Monte Penide

Dende Redondela cóllese a estrada Pontevedra-Vigo (N-552) en dirección a Vigo. Despois dunha pronunciada curva á esquerda a 350 m., un desvío tamén á esquerda lévanos cara á parroquia de Cedeira. Pasado todo este núcleo e o Pazo de Torrecedeira, a pista asfaltada comeza a subir a través de numerosas e pronunciadas curvas. Logo de aproximadamente 3 km chégase á zona recreativa de Poza da Lagoa, xa no contorno que nos ocupa. Para chegar á Mámoa do Rei continuamos a estrada ata un novo cruzamento que collemos á esquerda, para atravesar o núcleo de Trasmañó de Arriba, despois chegamos a unha nova encrucillada, nunha curva pronunciada que tomamos á esquerda de novo, dirección Cabeiro para, sen desviarnos, chegar despois de 1 Km. á Mámoa do Rei.

DENDE CHAPELA E RANDE:

Na nacional 552, no lugar coñecido como O Alto da Encarnación (co cruzamento que baixa cara a Chapela pola Avenida de Vigo), sóbese en dirección a Trasmañó atravesando unha ponte estreita sobre a Autoestrada A9. Seguimos, sen desviarnos, a estrada asfaltada de subida que ten un acusado desnivel e moitas curvas pronunciadas. Seguindo esta ruta achegámonos ao núcleo de Trasmañó e haberá que continuar a subida cara ao monte. Unha vez pasados a Cultural de Trasmañó, o Convento das Monxas, a área infantil de xogos, e o bar Pepe, chegamos a un novo cruzamento nunha curva pronunciada que tomamos á esquerda para atravesar o núcleo de Trasmañó de Arriba, despois chegamos a un novo cruzamento nunha curva pronunciada que tomamos á esquerda de novo, dirección Cabeiro para, sen desviarnos, chegar despois de 1 Km. á Mámoa do Rei.

DENDE VIGO:

Dende a cidade de Vigo cóllese en dirección ao aeroporto de Peinador pola Avda. do Aeroporto, despois de pasar unha encrucillada coa rúa Cantabria, a 30 m sóbese cara ao Monte da Madroa (dirección Vigo-Zoo); a subida é pina e entre as casas do barrio de San Paio; chegados á praza do Zoo da Madroa, séguese en dirección ao cemiterio de Candeán, no límite entre Redondela e Vigo. Unha vez chegados ao cemiterio continuamos cara ao Centro de Atención a Persoas con Discapacidade Psíquica de Redondela, onde atopamos o primeiro cruzamento á man dereita; despois de dúas ecrucilladas máis nas que tiramos sempre á dereita, en dirección subida, chegarase ao lugar da Lamosa; dende este punto continuamos cara a arriba sen desviarnos, deixando á man esquerda o sinal referente ao núcleo coñecido como Trasmañó de Arriba e a súa igrexa, ata chegar á Mámoa do Rei pola estrada dirección Cabeiro.

 

 

Créditos