A ruta que planeamos comeza na Mámoa do Rei. Como dicíamos, en Monte Penide sucédense os monumentos tumulares, contamos con máis de 40 mámoas de diferente índole e tamaños, cunha concentración destacada na Necrópole de Chan da Cruz, coñecida tamén por Chan das Formigas, con 36 xacementos, pero dende aquí cara ao norte e sur sucédense as mámoas por todo o noso monte, nun goteo continuo que as comunica coa necrópole de Candeán no Monte Vixiador de Vigo.
Cara ao sur, destacariamos o Coto da Arca, unha impresionante mámoa que aproveita o alto do coto para destacarse aínda máis na paisaxe, e cunhas vistas espectaculares do Val do Maceiras e o Monte Galleiro. As Pedras dos Picos, dúas pequenas mámoas innéditas ata este traballo na fronteira con Vigo.
A Mámoa de Coto Ferreiro, de novo destacada por colocarse no cumio do coto. Na necrópole de Chan da Cruz, a Mámoa 52, cunhas dimensións incribles. A Mámoa 45, pequena e destacable precisamente polas súas dimensións e a pedra de cabeceira da cámara que aínda conserva. A Mámoa 35 grande tamén e con dous conos de violación que semellan a existencia de dúas cámaras funerarias… A número 38, alterada por un camiño… a 32 desaparecida, a número 34, a 46… En fin… e como non,… o xacemento máis coñecido e emblemático, a Mámoa do Rei!!! Un gran dolmen, neste caso si… construído con grandes pedras e representativo de todo Monte Penide/Monte Mirallo.