Ruta 2 - Petróglifos

Petróglifos - ruta 2 1. Mámoa do Rei
2. Necrópole de Chan da Cruz,
Mámoas nº 19, 20, 15 e 6

3. Necrópole de Chan da Cruz, Mámoas 9 e 10
4. Necrópole de Chan da Cruz Mámoa 2 e 3, destruída
5. Petróglifos de Chan da Cruz
6. Petróglifos de Coto da Rola
7. Petróglifos de As Porteliñas
8. Mámoa de Chan do Rato
9. Petróglifos de Chan do Rato
10. Petróglifos de Poza da Lagoa
11. Mámoa das Teixugueiras
12. Mámoa e petróglifos de Coto Fenteira
13. Petróglifos de Coto do Corno
14. Petróglifos de Castro de Negros
15. Castro de Negros
1. Mámoa do Rei
16. Mámoa de Chan da Cruz 23
17. Mámoa de Chan da Cruz 24
18. Mámoa de Chan da Cruz 26
19. Mámoa de Chan da Cruz 29
20. Mámoa de Chan da Cruz 31
21. Mámoas das Pedras dos Picos 1 e 2
22. Mámoa 2 do Parque Forestal do Vixiador
23. Mámoa 1 de Castro Ferreiro
24. Mámoas 2 e 3 de Castro Ferreiro

 

 

 

Dende a Mámoa do Rei realizamos un percorrido circular comezando nos petróglifos de Chan da Cruz, con boas representacións de combinacións circulares cristianizadas por unha gran cruz gravada en tempos históricos sobre o seu soporte. Non é casual que entre a veciñanza da zona se conte que a Santa Compaña pasaba polo camiño de acceso a Chan da Cruz sabendo que aquí hai un xacemento arqueolóxico destas características.

Petróglifos de Coto da Rola

 

 

Dirixímonos dende Chan da Cruz cara ao norte e pasamos xunto aos Petróglifos de Coto da Rola, neste lugar hai numerosas rochas con gravados, en moi mal estado polos traballos de cantería tradicional que escacharon os penedos. De novo son as combinacións circulares e as cazoletas os motivos principais. Camiñando entre bosques de eucaliptos e piñeiros subimos ata o Alto das Porteliñas, unha gran lousa gravada nos recibe, orientada ao solpor e ateigada de gravados abstractos con círculos, liñas, puntos, e os primeiros muíños naviculares. Unha das características que máis chama a atención sobre a investigación son os seus emprazamentos; para o caso de Monte Penide semella que a situación está relacionada con lugares de moi boa visibilidade e control sobre o seu espazo inmediato, xunto a camiños e orientados cara á vista panorámica do seu contorno.

 

Descendemos logo un chanzo, ata a plataforma chan que está por debaixo, ata Chan do Rato, onde se repiten as combinacións circulares e de novo con vistas espectaculares… E máis ao Nordés o coñecido xacemento de gravados de Poza da Lagoa. Neste lugar cun topónimo asociado á existencia de mananciais, atopamos varios penedos con representacións, o máis destacado está formado por gravados de armas: puñais e alabardas cunha clara adscrición cronolóxica nos comezos da Idade do Bronce. Todo envolto entre liñas e signos abstractos dos que se nos escapa a comprensión.

 

A poucos metros deste penedo atopamos outros gravados, entre os que cabería destacar o coñecido como “O Peine”… Non deixa de ser unha escena ecuestre na que un par de persoas, homes, segundo o que podería ser o seu sexo marcado, e representados de xeito moi esquemático, como un garabato infantil, aparecen representados sobre un cabalo, aínda máis esquemático, unhas liñas que a sabedoría popular interpretou como un “peite”. Semella ademais polo tipo de suco e os motivos representados que o gravado puidese estar realizado cun instrumento metálico o que lle daría unha cronoloxía máis recente, algúns autores din incluso que histórica. Animamos ás persoas que se acheguen a Penide a baixar cara o Coto da Fenteira, aproveitando a visita á mámoa e o xacemento de hábitat aquí localizado poderán ver unhas vistas abraiantes sobre San Simón, Rande e a ría de Vigo en xeral.

 

Nesta zona hai diferentes rochas gravadas, algunhas perdidas dende que se inventariaron, outras representando de novo círculos e puntos. Volvendo cara ao Sur e rodeando o Alto de Penide en dirección Sueste achegámonos ao lugar de Couto do Corno, debaixo dunha torreta de alta tensión atopamos os petróglifos, e é doado ver os puntos, liñas e as combinacións circulares, algunhas de gran complexidade e tamaño, e non tan fácil unha representación dun cervo, moi desgastada e pouco apreciable. E xa volvendo cara ao Sur os petróglifos do Coto do Castro ou Castro de Negros.

Petróglifos de Poza da Lagoa

 

LENDAS E TRADICIÓNS

Sobre a rocha de Chan da Cruz, está a gran cruz gravada que dá nome a todo este lugar. A súa disposición como antiga división parroquial leva asociada unha lenda que sobrecolle pola súa dimensión e significación. Nos camiños parroquiais que arrodean este lugar consérvase a tradición das procesións de ánimas, a Compaña. Esta procesión sae nas noites en que morre algunha persoa nunha das parroquias que aquí se delimitaban. Cada parroquia ten a súa Compaña de ánimas. Con cada procesión de almas vai sempre unha persoa viva da propia parroquia, diante da comitiva de espíritos.

 

Contan as historias recollidas que cando vai saír a Compaña, preto da media noite, esa persoa viva érguese da cama (antes a xente deitábase moito máis cedo, recollíase cando se facía de noite) e diríxese, como somnámbula, ata a Chan da Cruz e senta sobre a rocha, ao lado da gran cruz gravada, agardando a que veña a procesión de almas polo camiño da súa parroquia ata ese lugar. En canto chega, levántase e ponse diante da comitiva portando algún dos elementos que tradicionalmente leva consigo (un caldeiro con hisopo, unha cruz…) e van camiñando ata a casa do defunto para recoller a súa alma.

 

Gravados rupestres vinculados con lendas de procesións de ánimas. Terán algunha relación real na súa significación orixinal, e que a lenda transmite como tradición?

 

Créditos