Ruta 3 - Castro de Negros

ruta_3_Castro de Negros.

1. Mámoa do Rei
2. Necrópole de Chan da Cruz,
Mámoas nº 19, 20, 15 e 6

3. Necrópole de Chan da Cruz, Mámoas 9 e 10
4. Necrópole de Chan da Cruz Mámoa 2 e 3, destruída
5. Petróglifos de Chan da Cruz
6. Petróglifos de Coto da Rola
7. Petróglifos de As Porteliñas
8. Mámoa de Chan do Rato
9. Petróglifos de Chan do Rato
10. Petróglifos de Poza da Lagoa
11. Mámoa das Teixugueiras
12. Mámoa e petróglifos de Coto Fenteira
13. Petróglifos de Coto do Corno
14. Petróglifos de Castro de Negros
15. Castro de Negros
1. Mámoa do Rei
16. Mámoa de Chan da Cruz 23
17. Mámoa de Chan da Cruz 24
18. Mámoa de Chan da Cruz 26
19. Mámoa de Chan da Cruz 29
20. Mámoa de Chan da Cruz 31
21. Mámoas das Pedras dos Picos 1 e 2
22. Mámoa 2 do Parque Forestal do Vixiador
23. Mámoa 1 de Castro Ferreiro
24. Mámoas 2 e 3 de Castro Ferreiro

 

 

Dende a Mámoa do Rei realizamos un percorrido circular que nos vai levar ata o Castro de Negros e volver ata a Mámoa do Rei.

Camiñamos cara o nordés por un sendeiro de terra e chegamos ata un cruce polo que collemos a man dereita; un pouco máis abaixo, descendendo pola pista de terra veremos, nunha curva do percorrido, o Castro ao lonxe, por debaixo das dúas liñas de alta tensión que cruzan Penide.

Estas boas visibilidades do xacemento amosan a súa boa situación como elemento defensivo e de control do seu contorno inmediato e afastado. É un castro con moi boas defensas naturais, situado nunha atalaia rodeada de terraplenes por todos os seus lados agás nas abas do oeste por onde se fai o acceso á súa croa ou lugar máis alto. Polo seu lado norte pódese distinguir a existencia dun parapeto e un foxo hoxe aproveitado como camiño que circunda o curuto do monte onde se sitúa o xacemento. Nas abas podemos atopar diferentes petróglifos en forma de cazoletas e na croa unha serie de “bañeiras” naturais, en forma de oquedades no rochedo que foron utilizadas dende tempo inmemoriables para facer rituais máxicos de sanación ou de paso á idade adulta. As impresionantes vistas dende a súa croa, da dorsal montañosa do Monte Galleiro e sobre todo da Depresión do Río Maceiras, lugar de paso da Vía Romana XIX, e posteriormente do Camiño de Santiago Portugués, danos unha idea do interese estratéxico da localización do xacemento, amosándose como un lugar ideal para o control sobre o paso natural entre o norte e o sur de Galicia.

 

LENDAS E TRADICIÓNS

 

A Igrexa da Preta. No castro de Negros, unha moura vive dentro da montaña, baixo a aldea castrexa, no interior dunha cavidade chamada a “Igrexa da Preta”.

Aludindo ao carácter de divindade das mouras, a denominación popular de “igrexa” para este lugar é o máis apropiado. A palabra “preta”, en lugar de moura, fai referencia á súa cor, xa que “preta” inda hoxe en portugués significa “negra”. Nas distintas versións hai referencias a que era a raíña da fortaleza da montaña, que alí facía grandes xantares con cabaleiros que viñan a cabalo para visitala. Noutras versións esta moura sae todas as mañás a recibir o sol nacente (a cavidade está orientada ao leste) e fai rezos e invocacións ao astro solar.

Polas noites sae da cavidade en forma de serpe e sobe ata o curuto do castro. Aquí atopamos varios lugares vinculados coa súa presenza. O máis salientábel é a chamada “Cadeira da Moura”, unha rocha ao bordo do precipicio que está orientada directamente cara á ría. Nesta “cadeira” ela senta, xa transformada novamente en muller moi fermosa, e, coma todas as mouras, peitea o seu cabelo cun peite de ouro baixo a luarada da noite. Neste lugar é onde ten os seus encontros cos mozos que a pretenden. Unha das crenzas é que se trata dunha moza enfeitizada entre esta vida e o ultramundo, gardando un gran tesouro, e aquel que sexa capaz de romper o feitizo poderá casar con ela e levar consigo todos os tesouros.

As relacións entre as mouras e os humanos leva sempre consigo a superación dunha proba. Aquí poderiamos falar con seguridade do que son os rituais iniciáticos que se conservan nas tradicións lendarias de todas as culturas, ritos relacionados en moitas ocasións co paso da adolescencia á madurez. As camas de pedra Nunha das versións recollidas, fálase da “cama de pedra” que ata hai pouco existiu ao lado da “Cadeira da Moura”. As “camas de pedra” son abundantes por todo o territorio galego e están relacionadas con rituais sexuais, unhas veces de iniciación, outras propiciatorias da procreación, outras dedicadas á curación de enfermidades e mesmo algunhas tamén como adiviñatorias. Neste castro de Negros temos dúas camas.

 

A Cama da Moura: Esta cama de pedra foi esnaquizada case na súa totalidade trala colocación dunha torre de alta tensión. Só se conserva a cabeceira. A versión lendaria cóntanos que a moura deitábase nesta cama cos mozos que ela desexaba (algo moi semellante ao que se conta, por exemplo, sobre a Orcavella de Fisterra). Mais esta cama foi usada ata a súa desaparición por multitude de parellas que subían a este lugar máxico da natureza para buscar a procreación que en moitas ocasións non se conseguía no leito do fogar. Un rito animista que se practica en incontábeis lugares de Galiza, vinculado neste caso, coma case sempre, a unha deidade da natureza, propiciatoria da fertilidade, quizais un dos segredos que ela garda como moura no ventre da montaña, perdido para sempre.

 

A Cama dos Nenos: Ao carón da desaparecida “cama de pedra” da moura existe na actualidade unha segunda cama conservada: a “Cama dos Nenos”. Ten un tamaño e unha concavidade que a asemella a un berce de pedra, cunha cunca insculpida na cabeceira. Das diferentes versións recollidas, a coincidencia fundamental é que a esta “cama de pedra” tráense as criaturas para as que non se atopa remedio. Nas noites de lúa chea déitanas nesta pedra para que a luarada da forza coa que move as augas do mundo facendo subir e baixar os mares, reequilibre todos os líquidos internos da crianza, volvendo todo ao seu sitio e propicie a súa curación. O rito de desencatamento A relación da nosa moura cos mozos que ata ela se achegan ten sempre un marcado carácter e intención sexual e a proba que eles deben superar expresa todo este significado. O mozo debe agardar sobre a “cadeira da moura” a media noite a chegada da moura, ao bordo do precipicio. Unha proba só para ser superada polos máis afoutos e valentes. A moura chega ata alí en forma de serpe, reptando polo chan, e porta na boca un caravel vermello.

 Castro de Negros

 

A cor vermella simboliza claramente o sangue. O sangue nos ritos iniciáticos da adolescencia está relacionado coa chegada da menstruación ou coa perda da virxindade; en ambos os casos indicadores simbólicos do paso á madurez. A moura-serpe, ao que chega á súa “cadeira”, ocupada polo mozo que a agarda, comeza a enroscarse no seu corpo subindo por el arriba, cada vez estruchándoo con máis forza a medida que o vai envolvendo, ata que a cabeza da serpe queda á altura da cabeza do pretendente heroe. Nese momento, a becha abre a súa enorme boca e amosa o caravel que leva entre as súas fauces.

O mozo só ten que achegar a súa boca á boca da serpe e tomar do seu interior a flor cos seus beizos. Este é o instante climático, o mozo completamente envolveito e apertado por aquela enorme serpe e sen alento, aquela inmensa boca aberta ante a súa cara, e el só ten que achegar os seus beizos e tomar do seu interior a flor que se lle ofrece. Mais ese é tamén o momento en que o medo supera calquera intento de introducir a súa boca no interior da serpe e arrancar a flor. Prodúcese entón un forcexo por zafarse daquela becha opresora, e na loita que se desenvolve o mozo cae ao precipicio e morre esfragado entre as rochas. Nunha das versións recollidas fálase de dous mozos que apareceron en distintas ocasións mortos pola mañá entre os penedos.

A morte da persoa que non supera a proba á que é sometida é moi corrente nas lendas galegas. No fondo subxace unha intención de selección: só os máis fortes e valorosos están preparados para superar todas as probas que agardan no desenvolvemento á madurez; os máis débiles son desbotados e refugados.

Enlazando con este tema de resistir a dureza da vida, que durante séculos e séculos foi sometida a un proceso de selección natural ante as enfermidades, debido á inexistencia de medicamentos tan efectivos coma na actualidade, na que o ser humano debía enfrontarse coa súa propia resistencia ao embate das doenzas, os nenos pequenos foron sempre o elo máis débil da cadea da vida.

 

Río subterráneo

A auga tamén aparece como elemento noutro elemento fantástico máis recollido nunha visita con persoas da parroquia a este castro na que aseguran que existe un río subterráneo que vai dende o castro, atravesando toda a montaña en dirección á illa de San Simón. Nalgunhas versións cóntase que ten unha saída nunha mina da Portela, noutras versións cóntase que este río subterráneo ten a súa saída diante da punta da praia de Cesante, fronte a illa, nun pozo moi fondo que alí existe no mar, e que o choque das augas deste río subterráneo coas augas do mar provoca os continuos remuíños que se dan nese punto estreito entre a punta da praia e a illa.

 

Créditos