Unha viaxe no tempo

 

Presentación do Museo Virtual de Monte Penide.

 

Dámosche a benvida ao Museo Virtual de Monte Penide Prehistórico. A web que estás a abrir pretende dar a coñecer o lugar de Monte Penide, tamén coñecido como Monte Mirallo, xa que atesoura no seu interior importantes xacementos arqueolóxicos representativos de, nada menos que, 4.000 anos de prehistoria.


Anoitecida no Alto das Porteliñas

 

Este traballo enmárcase dentro dunha iniciativa da Asociación Cultural “Alén Nós”, dirixida a crear un “Museo” en Monte Penide, que acolla e trate sobre os restos arqueolóxicos do Concello de Redondela.

 

Esta web está promovida polo propio Concello de Redondela e cofinanciada con fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).

 

A creación dun Museo, neste caso virtual, xorde como unha necesidade imperante ante a destrución lenta e continuada do Patrimonio, tanto cultural como natural, deste contorno xeográfico. Queremos protexer o monte e a nosa herdanza, e queremos facelo a través do seu coñecemento e valoración.

 

 

Moita da veciñanza que habita nas inmediacións destes xacementos convive con eles sen sabelo, polo que a súa conduta de agresión cara ao patrimonio efectúase por simple descoñecemento. Para paliar esta situación deben planearse actuacións que conciencien as poboacións locais sobre as potencialidades de desenvolvemento que encerra o seu patrimonio.

 

Na web poderás atopar toda a información arqueolóxica existente en Monte Penide para que logo os xacementos poidan ser visitados e comprendidos a través das rutas e sendas localizadas no lugar.

 

Propoñemos diferentes rutas temáticas segundo o apartado da prehistoria que se queira coñecer de Monte Penide. Unha ruta para ver mámoas, outra para petróglifos e outra para castrexo. Propoñemos tamén unha ruta para un percorrido longo e completo de toda a arqueoloxía de Penide. Non deixan de ser propostas, tentaremos que pola información ofrecida as persoas que acudan ao monte poidan facer os seu percorridos particulares centrados no que estimen oportuno.

 

As rutas estarán apoiadas por unha sinxela sinaléctica “in situ” e unha guía impresa, pero o soporte básico para a difusión pretendida é este “Centro de Interpretación Virtual”.


Penedo exento atopado nun parapeto ao N do Castro de Negros

 

 

Créditos